xoves, 24 de marzo de 2022

Reflexión ao remate do noso KA104 Erasmus+ 'Observamos: Inclusión contra o abandono'

O abandono nas escolas oficiais de idiomas.

English version.

Indicar unha razón como a causa última -ou maioritaria- pola que o alumnado non continúa cos seus estudos nunha escola oficial de idiomas é, como ben sabemos todos os implicados, terriblemente difícil. O abandono adoita ser a consecuencia última de un cúmulo de dificultades que, se ben individualmente poden non acreditar entidade abondo para tan drástico desenlace, acaban vencendo as boas intencións e os mellores esforzos de un número significativo de estudantes. Cada ano.

Con todo, non debemos empregar esa complexidade de causas como unha escusa para non tentar identificar elementos que, caendo ou non dentro do noso ámbito de actuación, poidan minorar as taxas de abandono. Antes ben, considerando o esforzo humano e de recursos que supón, é un obriga tentar reducilo.


As voces do noso alumnado

Preguntado polas causas, razóns, dificultades ou impedimentos de continuar cos seus estudos, o noso alumnado escolle, de entre as opcións que lle propomos, os enunciados cos que máis se identifica á hora de indicar a causa que os leva a dar o fatídico paso.

Como todas as declaracións espontáneas é subxectiva: identificar a verdadeira causa pode ir máis alá da literalidade coa que o suxeito verbaliza as razóns que levan ao abandono. Existen sen embargo unha serie de afirmacións, coincidentes no fondo aínda que difiren na forma de como o expresan boa parte das persoas que abandonan. E podémola resumir como segue: a dificultade de continuar, chegados a un determinado nivel.

Esta afirmación tan sinxela contén elementos claves:

  • Dificultade: a persoa non se sinte capaz de aguantar a curva de aprendizaxe.
  • Continuar: o proceso avanza, o alumno/a non se ve a si mesmo/a dando máis pasos.
  • Chegar: en ocasións o propio alumno/a non sabe explicar como foi quen de acadar o nivel.
  • Un determinado nivel: evidentemente, o nivel é diferente para cada alumno, pero en todos os niveis, hai alumnos que se senten deste xeito, agás quizás no nivel A2.


Os plans de estudos das escolas oficiais de idiomas

Como norma xeral, todas as comunidades autónomas recollen plans de estudos que abarca 5 anos para acadar o nivel B2 e outros 3 anos para os niveis C1 e C2. Referíndonos a linguas sen especial dificultade, obviamente: chinés, árabe, xaponés e similares constan de plans de estudos máis concisos no que respecta a niveis e máis estendidos no tempo.

Tamén como norma xeral, a normativa vixente en todas as comunidades conceden ao alumnado o dobre de tempo do que dura o nivel para completalo e superar con avaliación positiva. É dicir, na práctica e con certos matices, dez anos é o tempo que as administracións educativas conceden para completar un nivel B2, e seis para completar os niveis C1 e C2.

Ese é o tempo que emprega un estudante en completar os seus estudos dende primaria á universidade: seis para primaria, catro para secundaria, dous para o bacharelato, catro para o grao e dous para o master: dezaseis! Sen considerar formación como a que requiren medicina e boa parte das enxeñerías, claro.

E moi poucos acadan un nivel de competencia C2 na súa lingua materna ao remataren os seus estudos, nunha situación de inmersión lingüística plena, en moitos casos.

E ben sabemos os que estamos nas aulas que é sumamente difícil (bonito eufemismo) ensinar estratexias comunicativas nunha lingua estranxeira a falantes que nin as empregan, nin as recoñecen na súa primeira lingua.

Dezaseis anos poden parecer tempo abondo para aprender unha lingua estranxeira...e mesmo para acadar un nivel C2?

 

Que fan outros países ou institucións

Entidades certificadoras, como Trinity College London organizan en 9 grados ata o nivel B2, deixando outros 3 para os niveis C1 e C2.

Como puidemos comprobar nas visitas a institucións estranxeiras, poida que titulación e progreso non teñan que ir da man. No EPFC de Bruxelas, por exemplo, o alumnado é coidadosamente clasificado ao principio de curso, cada ano, asegurándose de ter as competencias necesarias para encadrarse no nivel e completalo con éxito. Contemplan un período de dez anos como o tempo necesario para que un alumno acade o nivel B2, como norma xeral. O alumnado máis avantaxado pode presentarse a unha proba de certificación de nivel e avanzar máis rápido.

Nas observacións que realizamos no marco do noso proxecto KA104, puidemos comprobar en primeira persoa como a práctica de aula, os métodos, os recursos educativos non difiren substancialmente dos que empregamos e temos dispoñibles nas nosas escolas oficiais de idiomas. A única diferencia apreciable era a seguridade do alumnado á hora de empregar os recursos lingüísticos de niveis anteriores aos que estaba a cursar. Non é que saiban máis, non teñan máis destreza: saben o mesmo, pero fan un “mellor” uso das destrezas adquiridas.


Conclusión

Os nosos métodos didácticos, os docentes, os recursos educativos dispoñibles son axeitados ao fin que se persegue.

Sen embargo, non acadamos os resultados esperados nunha elevada porcentaxe de casos. A pregunta que me cabe é se somos “accesibles” abondo, se estamos a enfocar os itinerarios pensando só nos máis capaces. Non tería máis sentido partir dun itinerario a dez anos e permitir que avancen máis rápido aqueles que están máis capacitados? E deixar que as persoas que aprenden a un ritmo distinto, a maioría, sexan capaces de progresar sen ver frustrados os seus plans formativos e de futuro.

Non podemos pretender non ter información: enquisas e estatísticas, así como estudos profundos de ambas ocupan boa parte do noso tempo. Dende a memoria que elaboran os docentes titores, pasando polas enquisas que elaboramos dende os centro e rematando polas enquisas de hábitos de estudo que levan a cabo (ou non?) institucións como os diversos centros de investigación sociolóxica, deberiamos ter un mapa medianamente claro de cales son causas que máis suman.

Nos tempos que corren, coa capacidade de análise dispoñible da que desfrutamos, esta información debería ser analizada e convenientemente transmitida a todas as persoas implicadas no proceso de deseñar os distintos elementos involucrados: docentes, coordinadores de nivel, xefaturas de departamento, servizos de inspección, responsables políticos e, en xeral, a todas as persoas que interveñen na toma de decisión. Todos os factores que interveñen, dende quen planifica o futuro e o plasma en leis, que constitúen a normativa que rexe os itinerarios formativos, pasando polo deseño da oferta educativa dos centros e chegando a todas as persoas docentes que son, en último termo, as encargadas de que o proceso culmine con éxito.

Se Google, Facebook ou Amazon son quen de saber que imos querer mercar mañá, en que tipo de restaurante nos apetece cear esta noite ou para que película imos querer mercar entradas, de verdade non imos ser quen de responder a unha pregunta tan doada? Non imos tentar que os nosos plans de estudos sexan accesibles para a maioría do noso alumnado? Ao fin e ao cabo, só pretendemos que unha parte importante da cidadanía se sinta orgullosa de ver como aprende unha lingua estranxeira.


Autoría: Juan M Paz Valle

Director EOI Vilagarcía de Arousa

 

venres, 18 de marzo de 2022

Difusión do proxecto no seu conxunto- vídeo recopilatorio

 Nesta recta final do noso proxecto Erasmus+, 'Observamos: Inclusión contra o abandono', achegamos en forma de vídeo recopilatorio as accións de difusión e impacto acadadas durante estes catro cursos de traballo en equipo. 



luns, 14 de marzo de 2022

Difusión da terceira mobilidade ao EPFC de Bruxelas (Bélxica)

Nesta ocasión vos achegamos a difusión que fixeron as nosas compañeiras que foron á estadía da terceira mobilidade, en Bruxelas, en Bélxica. 

O centro receptor foi o EPFC (Enseignement de Promotion et de Formation Continue), un centro de educación ao longo da vida que conta con diversas facultades, entre elas, a de linguas, e que se especializan na formación para adultos e na certificación dos diferentes niveis do MCER (Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas).

No caso do EPFC compartimos moitas das boas prácticas que puideron observar; porén temos tamén espazo para a comparación e mellora que xorde da retroalimentación deste tipo de experiencias. Sobra dicir que as persoas asistentes, Carolina, Elena, Olga e Juan, quedan á vosa disposición para aclarar calquera aspecto que vos pareza interesante, e vos invitan a participar en futuras mobilidades de aprendizaxe que se leven a cabo na EOI de Vilagarcía. 

Se interactuades coa imaxe a continuación, poderedes ver unha serie de apuntamentos na escolma de fotos que escolleron para ilustrar as súas principais valoracións e impresións durante a súa estadía de observación. Agardamos que vos sexa de utilidade.