mércores, 24 de novembro de 2021

Difusión das observacións da mobilidade a Braga (BabeliUM)

Durante a mobilidade a Braga, ao Centro de Línguas BabeliUM da Universidade de Minho, as nosas compañeiras tiveron a oportunidade de aprender de cuestións de metodoloxía de aula, tanto físicas como blended ou semipresenciais. 

Nas seguintes diapositivas recollen de xeito colaborativo a súas impresións e aprendixazes adquiridos, así como os detalles máis salientables da súa estadía de observación. 

Asemade, se ofrecen a realizar próximamente unha sesión aberta presencial para o claustro e as persoas interesadas, a modo de taller de intercambio de experiencias. 

Ficade atentos/as ás novidades no noso blog e medios de difusión. 


mércores, 27 de outubro de 2021

Mobilidade BabeliUM - Braga

Neste curso académico 2021-22 agardamos grandes cousiñas relativas ao noso proxecto KA104 Erasmus+ Observamos: Inclusión contra o abandono. Agora que o mundo se está abrindo de novo, retomamos a nosa experiencia, coa segunda mobilidade de observación job shadowing no marco do proxecto. 


Nesta ocasión, o país de acollida é Portugal. Catro docentes do noso centro viaxaron onte, martes 26 de novembro, a Braga, a observar aulas e xestión da institución BabeliUM, o centro de linguas da Universidade de Minho.


Desenvolverán a súa labor de observación durante catro intensas xornadas, nas que poderán observar metodoloxía innovadora en aulas de inglés e francés, así como aprender novas estratexias de xestión administrativa, directiva e de internacionalización da institución de acollida. 

Todas estas aprendizaxes trasladaranas á súa volta en diversas accións de impacto no centro, nun plan de difusión que será compartido e visibilizado de cara á totalidade do claustro e que agardamos teña repercusión e incida directamente na loita contra o abandono de parte do noso alumnado. 

Queremos desde aquí tamén dar as grazas ao BabeliUM pola súa disposición e acollida nesta segunda mobilidade. 

Seguídenos lendo para máis novidades.


venres, 15 de outubro de 2021

#ErasmusDays2021 - Coloquio online de intercambio de experiencias / Online Q&A session



Neste 2021-2022 de relanzamento do noso proxecto KA104 Observamos: Inclusión contra o abandono, estamos celebrando os #ErasmusDays2021 cun Coloquio online de intercambio de experiencias


Trátase dunha portunidade de impacto no centro, na que participan as persoas que disfrutaron da nosa primeira mobilidade a Londres no 2019, ao International House, e as novas compañeiras que integran o noso proxecto este ano. 

A sesión foi moi amena e contou coa participación da maioría das persoas interesadas, as cales con antelación inseriron preguntas nunha presentación, que posteriormente se asignaron a cada unha das tres persoas 'veteranas'. Porén, foi unha conversa aberta e dinámica, na que se solucionaron outras dúbidas e xordiron ideas de implementación para as mobilidades, froito da reflexión grupal. 

Deixámovos a continuación cuhas imaxes dos momentos da conversa. 









luns, 26 de xullo de 2021

Resultados da enquisa 'Analizando o abandono' 2020-2021

Malia que o noso proxecto Erasmus+ quedou en pausa no tocante ás mobilidades internacionais, isto non supuxo que nos quedaramos de brazos cruzados. Durante o curso 2020-2021 puxémonos en contacto coa EOI de Monforte coa finalidade de traballar xuntas no marco dos nosos respectivos proxectos Erasmus+, cuxos obxectivos versan sobre o abandono, entre outros. 

Tal foi así, que no mes de abril de 2021 comezamos a elaboración conxunta dunha enquisa sobre o abandono, a cal se enfocaría en analizar os motivos de abandono do alumnado nas nosas escolas desde o curso 2016 ao curso actual. 

A enquisa toca unha serie de motivos recurrentes, pero tamén da a posibilidade, mediante entradas libres, de que o alumnado sexa máis específico nas súas respostas, e nos proporcione así material de análise para a mellora da nosa práctica docente e dos procesos de ensino aprendizaxe. 

Asemade, o resultado a análise nos permitirá focalizar máis os nosos obxectivos de aprendizaxe nas mobilidades de observación que temos programadas para o curso 2021-2022.

Pódense consultar os resultados da enquisa nesta ligazón

venres, 28 de maio de 2021

Difusión do proxecto da EOI Vilagarcía no X Congreso IPCL do IP Leiría en liña 28-29 maio 2021

Como froito das nosas relacións de internacionalización iniciadas fai anos, e intensificadas recentemente, e malia o parón obrigado pola situación de pandemia, a EOI de Vilagarcia foi invitada a participar na sesión plenaria do X Congreso en Investigación, Prácticas e Contextos en Educación (IPCE), realizado online en liña 28-29 maio 2021. 

Nas palabras dos propios organizadores, este congreso internacional pretende contribuir ao desenvolvemento da teoría e da práctica educativa. A conferencia IPCE encádrase nas numerosas actividades levadas a cabo polo Politécnico de Leiría, cuxo obxectivo é fomentar a colaboración entre investigadores, profesores, estudantes e responsables educativos na internacionalización.

No noso caso, hoxe tivemos a oportunidade de contar con Juan M Paz Valle, director, e Victoria Penide López, profesora de alemán e inglés, e coordinadora de Biblioteca e recursos, como relatores desta sesión. Durante o transcurso da mesma, presentaron a realidade das Escolas Oficiales de Idiomas, como centro de titularidade pública de ensino de linguas estranxeiras, así como os avances realizados no marco do noso Proxecto KA104 Erasmus+ 'Observamos: Inclusión contra o abandono'.

Trala contextualización do director Juan Paz, a compañeira Victoria Penide continuou expoñendo as estratexias e liñas de traballo que se dan na EOI de Vilagarcía e que teñen como obxectivo fomentar a inclusión e loitar contra o abandono. 



Entre esas estratexias de motivación e inclusión contra o abandono, ademais da propia metodoloxía comunicativa baseada no traballo e capacitación das cinco destrezas de lingua, e a orientación do traballo por tarefas, mostramos as actividades que non ocurre necesariamente na aula, pero que tamén fomenta a motivación e colaboración do alumnado. Entre estas, están a produción autónoma do alumnado na Radio Maré da Biblioteca, como o programa Tupper e Exóticas, que recentemente gañou o resultou gañador do III Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

 

Finalizamos a nosa sesión explicando a nosa participación en proxectos de internacionalización e colaboración que fomentan a creación de sinerxias motivadoras e inclusivas nas aulas. Por un lado, falamos do consorcio Sblendid do CAFI con outras 10 EOI de Galicia, no que traballamos como levar a semipresencialidade na aula de linguas. E por outro lado, falamos da nosa andaina dentro do programa eTwinning, facendo fincapé na nosa distinción de centro eTwinning e lanzando a difusión do proxecto 'No camiño' para o curso 2021-2022.

 

Queremos agradecer a Romain Gillain, así como a todos e todas as persoas organizadoras do congreso pola súa invitación a participar e facemos extensible a invitación a visitar a nosa Escola e seguir fomentando e fortalecendo as redes de internacionalización. 

Aquí podedes visualizar a presentación.




martes, 5 de xaneiro de 2021

Actualización do noso proxecto no marco do Programa Erasmus+

Como afectou a situación xerada pola COVID-19 ó noso proxecto Erasmus+?

Por mor da situación de pandemia mundial xerada pola COVID-19, o noso proxecto Erasmus+ veuse interrompido no mes de marzo debido ás restricións da mobilidade internacional e o peche dos centros de ensino. A mobilidade que tiñamos programada para o mes de abril veuse, polo tanto, afectada. Porén o contacto co centro de linguas BabeliUM en Portugal mantense e continuaremos nos vindeiros meses a organizar esta segunda mobilidade para realizala, idealmente de xeito presencial, durante os primeiros meses do curso 2020-2021. Isto é posible porque recentemente o SEPIE permitiu a ampliación dos proxectos en curso previa solicitude: así o  noso KA104 foille concedida a prórroga até o mes de marzo de 2022, co fin de paliar os efectos do peche pola pandemia e poder acadar os obxectivos marcados para o proxecto. 

Asemade, recentemente o SEPIE nos enviou esta placa que nos recoñece e identifica como centro participante nun proxecto Erasmus+, o que nos da folgos para continuar con esta iniciativa tan enriquecedora, tanto para profesorado participante, como para toda a comunidade educativa. Agradecéndollela ó SEPIE, estamos xa a buscarlle sitio na escola.