O abandono nas escolas oficiais de idiomas.
Indicar unha razón como a causa última -ou maioritaria- pola que o alumnado non continúa cos seus estudos nunha escola oficial de idiomas é, como ben sabemos todos os implicados, terriblemente difícil. O abandono adoita ser a consecuencia última de un cúmulo de dificultades que, se ben individualmente poden non acreditar entidade abondo para tan drástico desenlace, acaban vencendo as boas intencións e os mellores esforzos de un número significativo de estudantes. Cada ano.
Con todo, non debemos empregar esa complexidade de causas como unha escusa
para non tentar identificar elementos que, caendo ou non dentro do noso ámbito
de actuación, poidan minorar as taxas de abandono. Antes ben, considerando o
esforzo humano e de recursos que supón, é un obriga tentar reducilo.
As voces do noso alumnado
Preguntado polas causas, razóns, dificultades ou impedimentos de continuar
cos seus estudos, o noso alumnado escolle, de entre as opcións que lle
propomos, os enunciados cos que máis se identifica á hora de indicar a causa
que os leva a dar o fatídico paso.
Como todas as declaracións espontáneas é subxectiva: identificar a verdadeira causa pode ir máis alá da literalidade coa que o suxeito verbaliza as razóns que levan ao abandono. Existen sen embargo unha serie de afirmacións, coincidentes no fondo aínda que difiren na forma de como o expresan boa parte das persoas que abandonan. E podémola resumir como segue: a dificultade de continuar, chegados a un determinado nivel.
Esta afirmación tan sinxela contén elementos claves:
- Dificultade: a persoa non se sinte capaz de aguantar a curva de aprendizaxe.
- Continuar: o proceso avanza, o alumno/a non se ve a si mesmo/a dando máis pasos.
- Chegar: en ocasións o propio alumno/a non sabe explicar como foi quen de acadar o nivel.
- Un determinado nivel: evidentemente, o nivel é diferente para cada alumno, pero en todos os niveis, hai alumnos que se senten deste xeito, agás quizás no nivel A2.
Os plans de estudos das escolas oficiais de
idiomas
Como norma xeral, todas as comunidades autónomas recollen plans de estudos
que abarca 5 anos para acadar o nivel B2 e outros 3 anos para os niveis C1 e
C2. Referíndonos a linguas sen especial dificultade, obviamente: chinés, árabe,
xaponés e similares constan de plans de estudos máis concisos no que respecta a
niveis e máis estendidos no tempo.
Tamén como norma xeral, a normativa vixente en todas as comunidades
conceden ao alumnado o dobre de tempo do que dura o nivel para completalo e
superar con avaliación positiva. É dicir, na práctica e con certos matices, dez
anos é o tempo que as administracións educativas conceden para completar un
nivel B2, e seis para completar os niveis C1 e C2.
Ese é o tempo que emprega un estudante en completar os seus estudos dende
primaria á universidade: seis para primaria, catro para secundaria, dous para o
bacharelato, catro para o grao e dous para o master: dezaseis! Sen considerar
formación como a que requiren medicina e boa parte das enxeñerías, claro.
E moi poucos acadan un nivel de competencia C2 na súa lingua materna ao
remataren os seus estudos, nunha situación de inmersión lingüística plena, en moitos
casos.
E ben sabemos os que estamos nas aulas que é sumamente difícil (bonito
eufemismo) ensinar estratexias comunicativas nunha lingua estranxeira a falantes
que nin as empregan, nin as recoñecen na súa primeira lingua.
Dezaseis anos poden parecer tempo abondo para aprender unha lingua
estranxeira...e mesmo para acadar un nivel C2?
Que fan outros países ou institucións
Entidades certificadoras, como Trinity College London organizan en 9
grados ata o nivel B2, deixando outros 3 para os niveis C1 e C2.
Como puidemos comprobar nas visitas a institucións estranxeiras, poida que
titulación e progreso non teñan que ir da man. No EPFC de Bruxelas, por
exemplo, o alumnado é coidadosamente clasificado ao principio de curso, cada
ano, asegurándose de ter as competencias necesarias para encadrarse no nivel e completalo
con éxito. Contemplan un período de dez anos como o tempo necesario para que un
alumno acade o nivel B2, como norma xeral. O alumnado máis avantaxado pode
presentarse a unha proba de certificación de nivel e avanzar máis rápido.
Nas observacións que realizamos no marco do noso proxecto KA104, puidemos comprobar
en primeira persoa como a práctica de aula, os métodos, os recursos educativos
non difiren substancialmente dos que empregamos e temos dispoñibles nas nosas
escolas oficiais de idiomas. A única diferencia apreciable era a seguridade do
alumnado á hora de empregar os recursos lingüísticos de niveis anteriores aos
que estaba a cursar. Non é que saiban máis, non teñan máis destreza: saben o
mesmo, pero fan un “mellor” uso das destrezas adquiridas.
Conclusión
Os nosos métodos didácticos, os docentes, os recursos educativos dispoñibles
son axeitados ao fin que se persegue.
Sen embargo, non acadamos os resultados esperados nunha elevada porcentaxe
de casos. A pregunta que me cabe é se somos “accesibles” abondo, se estamos a
enfocar os itinerarios pensando só nos máis capaces. Non tería máis sentido
partir dun itinerario a dez anos e permitir que avancen máis rápido aqueles que
están máis capacitados? E deixar que as persoas que aprenden a un ritmo
distinto, a maioría, sexan capaces de progresar sen ver frustrados os seus
plans formativos e de futuro.
Non podemos pretender non ter información: enquisas e estatísticas, así
como estudos profundos de ambas ocupan boa parte do noso tempo. Dende a memoria
que elaboran os docentes titores, pasando polas enquisas que elaboramos dende
os centro e rematando polas enquisas de hábitos de estudo que levan a cabo (ou
non?) institucións como os diversos centros de investigación sociolóxica,
deberiamos ter un mapa medianamente claro de cales son causas que máis suman.
Nos tempos que corren, coa capacidade de análise dispoñible da que desfrutamos,
esta información debería ser analizada e convenientemente transmitida a todas
as persoas implicadas no proceso de deseñar os distintos elementos
involucrados: docentes, coordinadores de nivel, xefaturas de departamento,
servizos de inspección, responsables políticos e, en xeral, a todas as persoas
que interveñen na toma de decisión. Todos os factores que interveñen, dende quen
planifica o futuro e o plasma en leis, que constitúen a normativa que rexe os
itinerarios formativos, pasando polo deseño da oferta educativa dos centros e
chegando a todas as persoas docentes que son, en último termo, as encargadas de
que o proceso culmine con éxito.
Se Google, Facebook ou Amazon son quen de saber que imos querer mercar
mañá, en que tipo de restaurante nos apetece cear esta noite ou para que
película imos querer mercar entradas, de verdade non imos ser quen de responder
a unha pregunta tan doada? Non imos tentar que os nosos plans de estudos sexan
accesibles para a maioría do noso alumnado? Ao fin e ao cabo, só pretendemos
que unha parte importante da cidadanía se sinta orgullosa de ver como aprende
unha lingua estranxeira.
Autoría: Juan M Paz Valle
Director EOI Vilagarcía de Arousa