mércores, 27 de outubro de 2021

Mobilidade BabeliUM - Braga

Neste curso académico 2021-22 agardamos grandes cousiñas relativas ao noso proxecto KA104 Erasmus+ Observamos: Inclusión contra o abandono. Agora que o mundo se está abrindo de novo, retomamos a nosa experiencia, coa segunda mobilidade de observación job shadowing no marco do proxecto. 


Nesta ocasión, o país de acollida é Portugal. Catro docentes do noso centro viaxaron onte, martes 26 de novembro, a Braga, a observar aulas e xestión da institución BabeliUM, o centro de linguas da Universidade de Minho.


Desenvolverán a súa labor de observación durante catro intensas xornadas, nas que poderán observar metodoloxía innovadora en aulas de inglés e francés, así como aprender novas estratexias de xestión administrativa, directiva e de internacionalización da institución de acollida. 

Todas estas aprendizaxes trasladaranas á súa volta en diversas accións de impacto no centro, nun plan de difusión que será compartido e visibilizado de cara á totalidade do claustro e que agardamos teña repercusión e incida directamente na loita contra o abandono de parte do noso alumnado. 

Queremos desde aquí tamén dar as grazas ao BabeliUM pola súa disposición e acollida nesta segunda mobilidade. 

Seguídenos lendo para máis novidades.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.